A Xunta destina 3,6 millóns a axudas para as axencias de viaxes galegas
Este mesmo mes publicaranse no DOG as axudas para as axencias de viaxes, que se enmarcan no Plan de choque para o sector turístico, dotado con 35 millóns de euros.
Alfonso Rueda explicoulles aos representantes do sector que estes 3,6 millóns destinaranse a gastos de alugueiro e préstamos, ao financiamento de seguros de caución e á transformación dixital das axencias.
Segundo Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, "resultan fundamentais para o sector turístico, por iso van recibir axudas da Xunta de Galicia".
Porque a Xunta quere implicar as axencias no programa Galicia Destino Seguro, pensado para promover unha oferta turística con garantías, con especial incidencia no Xacobeo. Tanto os autónomos como as pequenas empresas poderán recibir estas axudas para paliar os problemas de liquidez dun dos sectores máis castigados economicamente pola pandemia.
Desde a Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, di que "saímos contentos da reunión, e expresámoslle a necesidade de máis axudas para aguantar estes meses de parada".
Unhas 550 axencias en toda Galicia buscan sobrevivir a un ano de caídas de ingresos polo freo da actividade.