CRTVG

Buscar

A Xunta reclama por vía urxente equipos de protección para os sanitarios

Publicado o 21/03/2020 21:29

Esta era a terceira xuntanza do Centro de Coordinación Operativa sobre o coronavirus en Galicia. Ao seu remate, Alfonso Rueda insistiu en que non se pode perder máis tempo no aprovisionamento de equipos de protección individual para os profesionais sanitarios. Pídelles apoio ás deputacións, aos particulares e di que a Xunta peitea o mercado para conseguilos. Iso si, sinala que foi o Goberno central o que asumiu esa responsabilidade.

 "Calquera énfase que se poña en contar canto antes con equipos de protección vai ser pouco. Precisamos das máscaras, precisamos os guantes, precisamos os equipos de protección que o Goberno central se comprometeu, unha vez que asumiu a coordinación de toda situación, a facilitar ás comunidades autónoma e, polo tanto, tamén a Galicia", explicou Rueda.

Na reunión aprobáronse varias medidas. Entre elas, o aprazamento, desde abril, do cobro do alugueiro das vivendas e locais comerciais de promoción pública dependentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Tamén haberá axudas para os beneficiarios do bono de vivenda social.

Ademais, un mínimo de sete hoteis de garda permenecerán abertos, un en cada unha das cidades galegas, para o aloxamento das persoas que realizan servizos esenciais e eses traballadores en concreto tamén están facultados para desprazarse acompañados nos seus vehículos. "Poderán desprazarse dúas persoas en vehículos que teñan unha ocupación máxima de cinco persoas, mantendo por suposto as recomendacións sanitarias canto á distancia de seguridade; tres persoas en vehículos cunha ocupación máxima de sete persoas e catro en vehículos cunha ocupación máxima de nove persoas", especificou Alfonso Rueda

No eido educativo hai unha novidade e esta canle será protagonista. A través da segunda cadea da Televisión de Galicia, a G2, vaise emitir desde o luns vindeiro un bloque formativo de 11:00 a 13:00 horas, que tentará complementar os contidos que os alumnos reciben desde os centros de ensino. Será cada día, de luns a venres.

 

Noticias web

21/03/2020