A Xunta defende que erradicar a violencia machista é obxectivo prioritario

Na declaración aprobada pola Xunta neste 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o Goberno galego sitúa como prioridade irrenunciable previr e poñer fin á violencia de xénero.
No texto o Goberno autonómico insiste en que erradicar a violencia de xénero é unha tarefa "en que non podemos permitirnos retroceder nin un paso" polo que é unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e as súas familias seguir traballando nese camiño.
"Debemos loitar tamén para que sobre os maltratadores caia todo o peso da lei, da xustiza e do rexeitamento social, pois estes actos non poden de ningún xeito ter cabida nunha sociedade democrática e avanzada", remarca tamén a Xunta.
Ao tempo, considera que todas as medidas "son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e, calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa".
Finalmente, a Xunta incide en que a violencia de xénero un asunto de Estado e a erradicación desta violencia un deber de Estado, "xa que a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de Igualdade da nosa sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, como son a liberdade, a igualdade e a vida".
Lembra especialmente as asasinadas pola violencia de xénero, "a punta do gran iceberg que supón a violencia machista".