A Xunta defende en Madrid unha maior integración sociosanitaria na atención aos maiores
A conselleira de Política Social explicou hoxe en Madrid os avances da Xunta na atención aos maiores. Foi nun encontro organizado pola Sociedade Española de Directivos da Saúde. Fabiola García explicou que desde 2009 Galicia multiplicou por catro a atención aos anciáns dependentes. Ademais, enumerou iniciativas como os minicentros de día ou o autobús de coidados porta a porta como exemplos dunha política asistencial que aposta por unha maior integración sociosanitaria.
A conselleira subliñou que as prioridades da Xunta son "unha maior coordinación entre os servizos sociais e os servizos sanitarios, que as persoas maiores sexan quen de escoller libremente onde e como se queren facer maiores e, en terceiro lugar, continuar incorporando a nova tecnoloxía, tanto no domicilio das persoas maiores como nos centros residenciais de Galicia".