CRTVG

Buscar

A Xunta mercará inmobles nos centros históricos para rehabilitalos para fins sociais

Publicado o 12/01/2018 14:31

Rehabilitar os núcleos históricos das cidades e vilas da nosa comunidade é un obxectivo prioritario da Xunta de Galicia. 

Novas medidas e máis investimentos que axuden a converter os núcleos históricos en lugares atractivos para vivir e para traballar. O 'Diario Oficial de Galicia' publica hoxe o concurso, dentro do programa Rexurbe, para adquirir inmobles nas cidades de Ferrol, Ourense, Lugo e Betanzos, que logo se destinarán a fins sociais. A esta primeira fase de compra destinaranse máis de tres millóns de euros que se completarán ao longo do 2019 con novos fondos para a rehabilitación.

A partir de hoxe calquera propietario dun inmoble nas zonas históricas de Lugo, Ourense, Ferrol e Betanzos pode ofertar en valor de mercado a súa propiedade á Xunta de Galicia para rehabilitala e destinala a vivenda protexida. Priorizaranse determinadas zonas destes barrios para intentar ir recuperando mazás completas. A intención é que os primeiros proxectos de rehabilitación estean redactados a finais de ano para poder comezar coas obras no 2019.

A Xunta tamén fai un chamamento aos concellos para que poñan a disposición da administración autonómica aquelas propiedades municipais que non estean en disposición de rehabilitar.

En total serán 72 as vivendas recuperadas dentro do plan Rexurbe nesta primeira fase que se completará con novas medidas que impulsen a reactivación económica dos centros históricos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2018