CRTVG

Buscar

A Xunta de Galicia intervén a residencia de maiores Paz y Bien de Tui

Publicado o 12/01/2021 13:57

A Xunta de Galicia acaba de intervir a residencia de maiores Paz y Bien de Tui. As consellerías de Sanidade e Política Social toman esta medida para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores do centro.

Un equipo da Consellería de Política Social está desprazado no centro para facer un seguimento permanente da situación dos residentes e para vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á covid−19.

Os profesionais do Sergas velarán tamén pola continuidade dunha atención samitaria axeitada na residencia.

A residencia Paz y Bien rexistra 66 casos positivos entre os usuarios e 16 entre os traballadores.

Sanidade e Política Social prevén reforzar a atención aos 72 usuarios da residencia tudense coa cobertura das baixas en enfermeiría, xeriatría e dependencia.

Este centro, xestionado polas Irmás Franciscanas, rexistra o maior número de contaxios entre as residencias de maiores do país. As autoridades sanitarias aseguran que a evolución clínica dos 66 contaxiados é boa.

O total de contaxiados nas residencias galegas é de 335 maiores e 149 traballadores. Ademais deste gromo de Tui, os centros máis afectados son a DomusVi de Vimianzo, con 64 usuarios positivos, e a Residencia de Ribeira, con 63.