CRTVG

Buscar

A Xunta crea equipos de intervención rápida nas residencias de maiores

Publicado o 03/12/2020 19:57

A crise sanitaria polo coronavirus tivo nas residencias de maiores un dos puntos máis afectados e levou a Xunta de Galicia a intervir, desde a primeira onda, unha ducia de centros. Neste marco, a futura lei de saúde de Galicia regulará, para eliminar trámites administrativos, o proceso para levar a cabo esta acción.

Con todo, a Consellería de Política Social, que dirixe Fabiola García, acaba de negociar coas forzas sindicais un protocolo para a intervención dos centros, que significa a posta en marcha de equipos de intervención rápida, un por cada provincia e conformado por auxiliares de enfermaría, que estarán 'listos' para actuar cando se decida a intervención dun centro.

Este protocolo foi analizado polo Consello da Xunta este xoves, como confirmou na conferencia de prensa posterior, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. Estes equipos están deseñados, destaca a consellería, para "actuar coa máxima velocidade e atallar o avance do virus" nunha residencia intervida polo Goberno galego.

Trátase, pois, dunha decisión enmarcada na estratexia de actuación en centros de maiores e persoas con discapacidade para "reforzar a capacidade de prevención e detección temperá" de gromos de covid-19. Os equipos de intervención estarán formados por auxiliares de enfermaría, que están dentro do cadro de persoal da Consellería de Política Social. Con carácter xeral, haberá un equipo por cada provincia e cada un deles estará formado por un mínimo de dez profesionais.

A estes equipos de intervención poderase unir o persoal de forma "totalmente voluntaria" e os seus membros continuarán no posto de orixe ata que sexan chamados para esta actuación. O acordo cos sindicatos suporá, ademais, un complemento especial do 19 por cento, o que suporía uns 300 euros brutos ao mes. Outra das cuestións que se negociaron coa representación dos traballadores e na que houbo acordo, como conformaron fontes da consellería e dos sindicatos, son os descansos tras a 'misión'. Así, estes traballadores contarán con "cinco días de descanso" tras o seu labor nas residencias intervidas".

Noticias web

03/12/2020