CRTVG

Buscar

A Xunta concederá avais para que os menores de 35 anos compren a primeira vivenda

Publicado o 25/10/2021 16:30
EP

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que a Xunta concederá un aval para facilitar a adquisición da primeira vivenda por parte dos mozos e lanzará unha nova liña de axudas para asumir os custos de alugueiro de persoas en situación de exclusión que reciben atención de entidades de servizos sociais. Así o avanzou a conselleira no marco dunha comparecencia na comisión de Economía, Facenda e Orzamentos durante a que debullou as principais partidas para o seu departamento que recollen os orzamentos da Xunta para 2022.

Neste contexto, puxo en valor que esta Consellería xestionará 445,3 millóns de euros o próximo ano, o que supón un incremento do 19,2 % e un aumento de 72 millóns de euros respecto ao ano anterior.

Ángeles Vázquez recalcou que o aumento do investimento leva que "creza a calidade de vida" dos galegos e insistiu en que un dos principais obxectivos do departamento que dirixe pasa por facilitar o acceso dos mesmos a unha vivenda digna.

En concreto, detallou que a Xunta concederá avais para a compra da primeira vivenda, unha medida cun orzamento inicial de 5 millóns de euros que se dirixe a menores de 35 anos que poderán acceder a un 15% do crédito. Tamén asinará convenios con entidades financeiras para que faciliten a concesión da hipoteca a interese de préstamo hipotecario. Paralelamente, explicou que se manterán as axudas a mozas para adquirir vivendas en centros históricos e municipios rurais (cunha partida de 1,7 millóns de euros en 2022), así como para comprar inmobles protexidos (2 millóns de euros).

Do mesmo xeito, habilitaranse distintas liñas de axudas ao alugueiro por valor de 8 millóns de euros e manterase o bono de aluguer social, ademais de reservarse máis de 24 millóns de euros para habilitar máis chan residencial para vivenda pública en Vigo, A Coruña e Santiago. Tamén concretou que se destinarán en 2022 máis de 75,2 millóns de euros a programas de rehabilitación de vivendas e que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) contará con incentivos e medidas por valor de 34 millóns de euros para facilitar o investimento de empresas en Galicia. Precisamente, apuntou que a planificación do chan quedará "blindada" na Lei de áreas empresariais de Galicia e coa aprobación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia en 2022.

 

Noticias web

25/10/2021