CRTVG

Buscar

A Xunta comeza a distribuír ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos

Publicado o 03/04/2020 08:54
A Xunta comeza a distribuír ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos

O Goberno galego anuncia que a partir deste venres comeza a distribución de 1.000 portátiles con conexións a Internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen secundaria, bacharelato ou Formación Profesional.

A medida foi aprobada no último Consello da Xunta e realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa mentres dure o estado de alarma.

Os portátiles entregaranse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento.

Cada centro recibirá tres equipos con conectividade, que distribuirá entre as familias con atención á súa situación socioeconómica e con prioridade para o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

Desde a entrada en vigor do estado de alarma triplicouse o uso das plataformas e aplicacións dispoñibles, e máis de 58.000 docentes e alumnos empregaron o servizo de videoconferencia habilitado para este período.