CRTVG

Buscar

A Xunta confía en que os maiores de 80 anos estean inmunizados en maio

Publicado o 04/02/2021 14:14

• Núñez Feijóo di que a mediados de febreiro estarán vacinados 21.000 sanitarios

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou o calendario de vacinación contra o coronavirus que ten fixado a Xunta en función das doses que vaian chegando. Deste xeito, a semana que vén espérase completar a segunda dose en todas as residencias de maiores, agás nas que pola existencia dalgún gromo non fose posible a administración da vacina.

Ademais, a partir do 8 de febreiro comezará a administración da vacina para o persoal sanitario que non atenda directamente pacientes de covid, e antes do 15 de febreiro quedarían vacinados coas dúas doses os 21.000 sanitarios de primeira liña, segundo o presidente.

Será tamén, a partir de mediados de febreiro, cando comece a vacinación dos maiores de 80 anos e dos profesionais e usuarios dos centros de día. Segundo o presidente da Xunta, se continúa o actual ritmo de chegada de vacinas, a principios de maio estaría inmunizada toda a poboación maior desa idade residente en Galicia, que representa o 8,3 por cento do total. Iso, "no escenario máis pesimista", dixo Núñez Feijóo.

O xefe do Goberno autonómico explicou que durante o mes de marzo Galicia recibirá 113.000 vacinas de Pfizer, que se corresponde co 8,3 por cento do total que vai repartir o Ministerio de Sanidade.

A estas vacinas, agregou, haberá que engadir as que Galicia reciba de Moderna, que permitirán, en función da dotación recibida, axilizar a vacinación; non tanto así as de  AstraZeneca, xa que neste último caso non está previsto que se vaian a usar para os maiores de 80 anos.

O presidente galego asegurou que "todo parece indicar" que Galicia pode "superar o pico da terceira onda", unha noticia que non serve para "tranquilizar definitivamente, senón "para albergar a esperanza de que a partir de agora diminuirá o número de  contagios novos".

Con todo, Núñez Feijóo advertiu de que "aínda queda a batalla da presión hospitalaria, os ingresos en UCI, en planta e a mortalidade".