CRTVG

Buscar

A Xunta avanza novas restricións, pero desbota o peche total da hostalería

Publicado o 11/01/2021 14:55

O presidente da Xunta desbota o peche do 100 % da hostalería en Galicia. Alberto Núñez Feijóo avanza que posiblemente haxa novas restricións nas cidades máis afectadas pola pandemia, que son agora mesmo A Coruña e Santiago. A decisión final tomarana, en todo caso, os expertos do comité clínico na súa xuntanza deste martes. Insistiu en que hai cidades "cunha situación límite" nas que "perigan os actuais horarios" do sector.

Núñez Feijóo insistiu en que os hostaleiros non son responsables, aínda que sinalou que é nestes locais, pola súa actividade, nos que "xorden máis posibilidades de contaxio", algo que está "verificado". "Cando se pechan (os locais de hostalería) diminúen os contaxios e cando se abren, con maior ou menor intensidade, increméntanse", afirmou.

Núñez Feijóo indicou, con todo, que a Xunta non vai deixar "só o sector" e reivindicou o pago de ata o 80 % das axudas autonómicas comprometidas.

Sobre este punto, o titular da Xunta criticou o "apoio mínimo ou inexistente" de moitos concellos á hostalería e tamén cargou contra a decisión do Goberno central de non conceder axudas directas ao sector. 

Asegura o presidente que a situación da pandemia na nosa comunidade é mellor que a media e sobre o aumento de contaxios sinala o dez por cento, di, de cidadáns que non cumpriron as recomendacións para o Nadal.

Núñez Feijóo sinalou que "non hai ningunha dúbida" de que o incremento de contaxios deriva do aumento das interaccións sociais rexistrado durante o Nadal e volveu a cargar contra o concepto de "achegados" fixado para permitir as reunións nas datas festivas, xa que provocou una "unha enorme inseguridade".

Segundo Feijóo, a Xunta tentou "convencer" de que as reunións se limitasen a unha unidade  convivencial, xa que dúas unidades achegaban "máis incerteza" e as de ata "dez achegados", permitidas no Consello Interterritorial de Saúde, supuxeron "unha enorme inseguridade".

O presidente galego recoñeceu que "os cidadáns querían ter contacto", aínda que "sabían as regras" baixo as que podían producirse e mostrouse convencido de que "se todos" as cumprisen "hoxe habería menos contaxios".

"O 90 % cumpre as regras, pero hai unha porcentaxe, minoritaria, que non cumpre, e cando non o fan os contaxios van á alza nas datas posteriores", indicou.

En calquera caso asegurou que a porcentaxe de camas ocupadas tanto en planta coma en UCI por persoas con patoloxías covid é "o máis pequeno" de España, xunto con Murcia, o que ofrece certas "expectativas" respecto ao conxunto de España.

Noticias web

11/01/2021