CRTVG

Buscar

A Xunta avalará 750 euros ao mes para afectados polos ERTE que non cobrasen

Publicado o 21/04/2020 14:59

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes que o Goberno galego avalará o pago de ata 750 euros ao mes, durante dúas mensualidades, por traballador sometido a un ERTE que non cobrase.

Nunha conferencia de prensa telemática, Núñez Feijóo explicou que en Galicia xa son máis de 200.000 persoas as afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego e asegurou que no Goberno galego son "conscientes de que miles de familias non cobraron" e necesitan facelo "de forma inmediata".

Para iso anunciou un acordo coas entidades financeiras de modo que os traballadores afectados poidan pedir un anticipo das súas nóminas de ata 750 euros durante un máximo de dous meses que serán avalados pola Xunta.