CRTVG

Buscar

A Xunta autoriza unha oferta de emprego de 3.654 prazas en educación, 2.036 novas

Publicado o 28/11/2019 18:53

A Xunta convocará no 2020 a maior oferta pública de emprego da historia en Educación, segundo avanzou hoxe Alberto Núñez Feijóo. O presidente adiantou que haberá 3.654 prazas en 88 especialidades.

Con esta convocatoria, a Xunta aspira a acadar unha taxa de interinidade do 5%. Das 3.654 prazas, 2.036 serán de ingreso e 1.618 de promoción interna. A oferta de emprego público incluirá 88 especialidades, 30 delas levan unha década sen convocarse. Nos vindeiros días o Goberno galego presentará esta proposta na mesa sectorial de Educación. O presidente explica que queren aprobar a OPE antes de que remate o ano para aproveitar a taxa adicional que permitía a lei de orzamentos de 2017. Alberto Núñez Feijóo., presidente da Xunta de Galicia "Sabendo que iso só é posible durante os anos 2017, 2018 e 2019, antes de que remate o ano aprobaremos a OPE. Ademais non sabemos que vai pasar coa lei de orzamentos de 2020 e, por tanto, descoñecemos as posibilidades que teremos as administarcións públicas".

Esta convocatoria inclúe 1.300 prazas de catedráticos de todos os corpos e un incremento de postos para profesores técnicos de FP, con 363 prazas de novo ingreso. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia "Esta é unha convocatoria histórica, mire como se mire".