CRTVG

Buscar

A Xunta permite abrir as terrazas de pubs e discotecas nos niveis máximo e alto

Publicado o 22/07/2021 23:18

A Xunta autoriza ás discotecas, pubs, cafés-espectáculos, salas de festas ou salas de concertos que desenvolvan actividades de lecer nocturno a abriren as súas terrazas nos concellos de máximo risco e de nivel alto de incidencia ata a unha da madrugada. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia na súa edición publicado este xoves, que entra en vigor ás 00:00 horas do sábado.

Os restaurantes e cafeterías destes concellos poden abrir en interior, cun 30 por cento de capacidade no caso dos de nivel máximo e cun 50 por cento no grupo de incidencia alta. Os locais de copas de Sanxenxo, Cambados, Meaño e O Grove, na provincia de Ponteverda; A Pobra do Caramiñal e Boiro, na provincia da Coruña, e O Barco, na provincia de Ourense, poderán funcionar se teñen terraza ou espazo exterior semidescuberto ata a 1 da madrugada e cun 50 % de capacidade.

Esta medida tamén facilita a apertura das discotecas e pubs situados nos municipios de nivel alto desde o sábado. O consumo nestes locais será só en terrazas e sentados en mesa. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas e pecharán á 1.

Nos concellos co nivel medio ou medio baixo de restricións, o lecer nocturno poderá desenvolver a súa actividade tanto en interior como en exterior, con peche ás 3 da madrugada. Para acceder aos interiores dos establecementos será necesario contar cun certificado de vacinación ou un test de covid−19 negativo realizado como moito 72 horas antes. 

Última noite en Sanxenxo

A entrada na discoteca con copa e test, por vinte euros: é a nova oferta do ocio nocturno na pandemia. Isto é Sanxenxo, e así resolve un local a obriga para os seus clientes de presentaren certificado de vacinación, proba negativa ou acreditación de teren pasado a covid.

Pero a altísima incidencia do virus neste concello, preto dos dous mil casos, deixa a localidade no nivel máximo de restricións. Así que na práctica, esta foi a última noite de ocio nocturno e aproveitouse.

Ao igual que en Sanxenxo, noutros 35 concellos, dende esta medianoite, discotecas e pubs só poderán traballar en terraza, á metade da súa capacidade e ata a unha da madrugada, como a hostalería. É nas localidades que están en nivel máximo e alto de restricións.

Noticias web

22/07/2021