O novo plan contra os incendios reduce de 71 a 28 as parroquias de risco e aumenta en 2 os medios aéreos
As tarefas de prevención e loita contra o lume deberán facerse este verán seguindo uns protocolos que garantan a seguridade do persoal fronte ao coronavirus.
Os máis de 7.000 efectivos entre profesionais da Xunta e outras administracións contarán este ano con dous novos avións, que subirán a dotación aérea para a extinción até un total de 28 aeronaves, e máis drons para reforzar a vixilancia, ata un total de 10.
O presidente avanza que sumarán ao dispositivos tamén máis motobombas e melloras tecnolóxicas. "Todos eles terán á súa disposición 360 motobombas", engadiu Feijóo, á vez que avanzou que a Xunta adquirirá 11 novas e cederá outras cinco a distintos concellos galegos.
Por outra banda, o plan de prevención e defensa contra os incendios de Galicia (Pladiga 2020) reduce de 71 a 28 as parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), que son as máis vulnerables ante os lumes forestais.
Así o avanzou este venres o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na comparecencia posterior á reunión do seu Executivo, na que se deu a coñecer o novo Pladiga antes da súa remisión ao Consello Forestal. A previsión que manexa é que "no mesmo mes de maio", posiblemente a próxima semana, o Goberno autonómico o aprobe de forma definitiva.
Respecto do persoal, o presidente da Xunta ratificou que o plan deste ano aumenta a seis meses os contratos de "máis de 1.000" traballadores temporais fixos-descontinuos para as tarefas de extinción. Neste sentido, lembrou que en 2018 e 2019 estes profesionais estiveron no terreo un cinco meses.
Plan de prevención de 30 millóns de euros
Ademais, o Pladiga 2020 conta coa novidade de que inclúe un plan de prevención dotado de máis de 30 millóns de euros que foi aprobado en Consello hai 15 días. Esta folla de ruta inclúe traballos preparativos en case 46.000 hectáreas e 5.800 quilómetros de pistas forestais e estradas.
Nestes labores preventivos, que xa se iniciaron o pasado luns e que se prolongarán até o 13 de xullo "sempre e cando o permitan as condicións climatolóxicas", matizou o presidente da Xunta, tamén abarcan as limpezas da biomasa das franxas secundarias (50 metros aos arredores dos núcleos de poboación), así como labores de mantemento en 3.200 puntos de auga e a construción de 121 novos.
No tocante a melloras tecnolóxicas, Feijóo explicou que o Pladiga de 2020 inclúe a "potenciación" do uso de aplicacións informáticas na loita contra as chamas con medidas como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, ademais da entrega de 'tablets' ao persoal con información "en tempo real" sobre o territorio.