CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia catro rebaixas fiscais nos presupostos de 2020, que inclúen "o maior gasto social da historia"

Publicado o 17/10/2019 21:13

• O 99% das herdanzas quedarán exentas de impostos en Galicia

Alberto Núñez Feijóo reivindica que Galicia leva aprobando as súas contas 40 anos consecutivos. As do 2020 teñen como obxectivos, explica, consolidar o crecemento da economía galega, que prevén do 1,9%, e trasladar os efectos da recuperación de anos anteriores ás familias.

"O que debería ser normal estase convertendo en excepción. Galicia volve a presentar en tempo e forma os seus orzamentos, e ante as incertezas e inseguridades Galicia segue apostando polas certezas e a estabilidade", di o presidente.

Eses presupostos, que calculan que o 2020 rematará cunha taxa de paro do 10%, reservan 7.400 millóns para gasto social: 4.100 millóns serán para Sanidade, 2.465 millóns para Educación e 830 para servizos sociais.

"Nunca na Xunta destinamos tantos recursos ás persoas. Dos 300 millóns que aumentan os presupostos, 248 se dedican a gasto social", afirma Feijóo.

O proxecto de presupostos mantén todas as rebaixas fiscais en vigor e inclúe catro novas.

Rebaixa fiscal Exentas as herdanzas de ata un millón

O imposto de sucesións e doazóns é un dos tributos rebaixados. A partir do primeiro de xaneiro quedan exentas de pagar as herdanzas de ata dun millón de euros por herdeiro e que sexan entre familiares directos. Ata agora o limiar estaba nos catrocentos mil. Desta medida calcula a Xunta que se beneficiará o 99,9 por cento dos galegos.


Rebaixa fiscal Exención do traspaso de accións en empresas familliares

Para favorecer a sucesión das empresas dentro do ámbito familiar a Xunta eliminia tributos. Queda libre de impostos a cesión de accións entre familiares ata o sexto grao de parentesco. Ata agora estaban exentos só ata o terceiro grao.


Rebaixa fiscal Redución do imposto por compra de casa no rural

O Goberno galego tamén aplica redución ao Imposto de Transmisións Patrimoniais para a compra de inmobles. Quen merque no rural unha casa para utilizar como vivenda habitual verá rebaixado o imposto en dous puntos. Pagará un cinco por cento, en lugar do sete co que se grava hoxe.


Rebaixa fiscal Dedución no IRPF por reformas de eficiencia enerxética

No IRPF Galicia aplicará no seu tramo una rebaixa. A nosa será a primeira comunidade en ter unha dedución verde. Será de 1.500 euros por facer obras nas casas para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén se inclúen deducións para cooperativas, sociedades laborais ou para as bolsas de deportistas de alto nivel.

A Xunta financia 100 vivendas para alugueiro

O Goberno galego tamén aprobou axudas para financiar a construción ou a rehabilitación de case un cento de vivendas na Coruña, Sarria e Ribadeo.  A cambio os promotores das obras, que no caso da Coruña é o Concello e no de Sarria e Ribadeo, son promotores privados, deberán dedicalas a alugueiro durante un período mínimo de 25 anos. O custo do alugueiro ten que ser, ademais, reducido para poñelas a disposición das familias con menos recursos.

115 millóns para discapacidade 

A achega para atención á discapacidade será de 115 millóns de euros. Detallouno o presidente nun acto esta tarde con asociacións deste colectivo de toda España. Feijóo destacou que é un 8,5% máis ca o que dedicaron neste exercicio e un 77% máis ca o investido no 2009.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019