CRTVG

Buscar

A Xunta súmase á proposta valenciana para que as autonomías que máis vacinan reciban máis doses

Publicado o 15/01/2021 11:34

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ve con bos ollos a proposta realizada polo presidente da Comunidade Valenciana, Ximo Puig, para que na repartición das doses das vacinas entre as comunidades autónomas o Goberno prime aquelas que máis vacinen, entre as que está Galicia.

"O que non ten sentido é darlle vacinas a unha comunidade autónoma que as ten almacenadas, algunha que está vacinando cunha maior lentitude ca outras", dixo Rueda, que engadiu que en Galicia "demostramos un alto nivel de eficacia; estamos, desde logo, no grupo cabeceiro na administración de vacinas". Deste xeito, asegurou que "se un criterio é que a quen máis rápido poida administrar as vacinas e, polo tanto, poida despregar os seus efectos, darlle máis vacinas, parece que é un criterio bastante lóxico".

O vicepresidente da Xunta di que Galicia está recibindo "20.000 vacinas á semana desde o Goberno central, e esas mesmas vacinas son as que os equipos preparados pola Xunta de Galicia poderían administrar nunha soa mañá". Por iso, insistiu en que "estamos moi por debaixo da nosa capacidade real, e se hai vacinas que noutras comunidades non se poden administrar, pareceríanos un bo criterio que veñan a aquelas que as podemos poñer con eficacia, ata o de agora estamos demostrando esta eficacia", de xeito que "nos parece un criterio perfectamente lóxico que nós apoiariamos".

Rueda puntualizou que "non queremos quitarlle nada a niguén, o que non ten ningún sentido é que  haxa vacinas subministradas sen que se vacine porque non hai capacidade nunha comunidade autónoma, iso en Galicia non pasa, e, desde logo, todas as que veñan serán administradas".

En Galicia, dixo o vicepresidente da Xunta, "acordouse que a poboación de risco, a que vive en residencias, a de maior idade sería, a primeira que tería a vacina, e aquí temos un índice importante; polo tanto, queremos o número de vacinas correspondente a iso, que creo que non estamos tendo".

 

Noticias web

15/01/2021