CRTVG

Buscar

A Xunta terá unha oferta pública récord en 2021 tras aprazar as oposicións de 2020

Publicado o 12/11/2020 15:33

A oferta pública de emprego da Xunta deste ano será a maior dos últimos doce anos. A proposta da Xunta ascende a 7.380 prazas nas distinas modalidades: as xa aprobadas 3.654 para educación, 2.741 para Administración xeral e 985 para sanidade.

Feijóo dixo que agarda que na tramitación dos orzamentos do Estado se elimine o límite de vacantes na sanidade, que en Galicia suporía poder convocar 3.500 prazas.

Ademais, o Goberno galego valorará de modo especial na OPE de sanidade a quen traballase durante a pandemia en hospitais e centros de saúde e tamén a aquel persoal que preste os seus servizos en hospitais comarcais e centros de saúde no rural.

O presidente da Xunta desvelou este xoves que "todo parece indicar" que non se poderán celebrar este ano, senón en 2021, nunha operación "acordeón" con varios procesos acumulados doutros anos.

Tamén explicou que está acordado "avisar como mínimo cun mes" de marxe e engadiu que a intención da Xunta é dar tempo aos opositores para que poidan dar un último "repaso" ao temario e que teñan "sorte" no exame.

Tras a reunión semanal do Executivo autonómico, Núñez Feijóo explicou que a oferta de sanidade elévase a 985 prazas, das que 652 serán para facultativos, "a máis grande para médicos en Galicia desde 2001" e o "máximo legal" xa que se só se poden cubrir as xubilacións.

Así mesmo, Feijóo remarcou que a oferta é "histórica" en todos os seus termos e lembrou que, debido á pandemia, xa houbo que trasladar ao ano 2021 a de 2020 de educación.

Noticias web

12/11/2020