CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia que todas as residencias públicas serán intelixentes no 2022

Publicado o 06/10/2021 14:24

Cada mañá Pilar, como o resto de usuarios, pasa por un carriño que lle mide o osíxeno, a temperatura ou a tensión. Os resultados rexístranse no momento na historia clínica para que poida consultalos o seu médico. Grazas a este sistema, os traballadores xa non teñen que copiar todos eses datos a man. 

"Lograr ese tempo que aforramos investilo nos coidados asistenciais", explica a enfermeira Esperanza Silva.

Ademais por esta residencia pública da Estrada hai colocados 200 sensores que controlan a temperatura e movementos nos cuartos, para detectar caídas ou doenzas, se por exemplo se rexistra moita actividade pola noite. Tamén teñen pulseiras que avisan os coidadores nas excursións se algún maior se aparta do grupo. O presidente da Xunta destaca que este modelo é pioneiro en España e que marcará o inicio dunha era nas residencias.

"Xa temos a tecnoloxía a través de Televés, a experiencia piloto que está funcionando e queremos explotala en todas as residencias públicas de Galicia durante o 2022. Este era un dos compromisos que asumimos durante a pandemia para mellorar a atención nas residencias da terceira idade en Galicia", anuncia Alberto Núñez Feijóo.

Canto ao lecer, terán pantallas intelixentes para facer terapias ou comunicarse coa familia sen saír mesmo do cuarto. Na entrada tamén teñen un panel con información do menú semanal ou coas datas de aniversario.

Noticias web

06/10/2021