CRTVG

Buscar

A Xunta suspende o deporte federado de ámbito autonómico polo avance da covid-19

Publicado o 19/01/2021 12:09

• Os adestramentos serán individuais ou dun máximo de catro persoas

Galicia suspende as competicións deportivas de ámbito autonómico e limita máis a práctica do deporte afeccionado, incluso para deportistas federados. Máximo catro persoas e dentro do municipio. Anunciouno o Conselleiro de Sanidade Xulio García Comesaña.

Isto supón un cambio importante, xa que os deportistas federados non poderán moverse libremente de municipio, como ata agora, para acudir a instalacións ou desprazarse a espazos para practicar o seu deporte. Teñen que respectar os peches perimetrais.

 Máis dun terzo das licenzas en Galicia, unhas cen mil, corresponden ao fúbol. As restricións non afectan as competicións de ámbito estatal, incluída a terceira división. Pero si á categoría Preferente, que se estaba a poñer en marcha estes días, nas vésperas do sorteo do calendario e con data de comezo do 31 de xaneiro.  Tamén dinamita o regreso do fútbol base. As medidas entran en vigor este xoves, e a duración dependerá da evolución da pandemia. O Secretario Xeral Para o Deporte Xosé Ramón Lete  cre que "hai que ser solidarios e parar o deporte autonómico un tempo razoable".

Seguen as ligas profesionais de fútbol, futbol sala, baloncesto LEB, volveibol e outras, que nestas últimas semanas reportan casos de covid-19. Equipos como o Obradoiro, o Teucro ou o Parrulo están nestes momentos en situación de corentena.

Tampouco se consideran novas restriccións de público nos casos en que está permitido.
E os ximnasios permanecerán abertos, pero con medidas adicionais que afectan ao uso dos vestiarios.