CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia novas axudas á natalidade con especial atención ao rural

Publicado o 24/06/2019 16:15

Galicia vive unha fonda crise demográfica dende hai anos vive. A conselleira de Política Social, Fabiola García, confirmou que o xoves a Xunta aprobará a primeira lei de impulso á natalidade. Unha norma que pretende reverter esta situación, con medidas para incentivar a maternidade no rural e fomentando o retorno de mozos emigrados.

Os nenos son unha parte cada vez menor da paisaxe das cidades e vilas galegas, pero sobre todo das aldeas. Hai anos que vén sendo así, pero a situación vai a peor. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística indican que o ano pasado naceron 16.550 nenos e morreron 32.400 persoas. É dicir, o número de defuncións duplicou case o de nacementos.

Con estes datos sobre a mesa, o Goberno galego decide adoptar medidas para frear esta tendencia. Este luns a conselleira de Política Social confirmaba que se está a traballar nunha lei para impulsar a natalidade que será aprobada este mesmo xoves.

Galicia será así a primeira comunidade que dispón dun marco normativo propio para afrontar este problema. A lei incluirá numerosas medidas. Unha das máis ambiciosas está relacionada coa tarxeta benvida, a axuda económica que reciben as familias cando teñen un bebé. A partir da aprobación da lei, incrementarase a súa contía para as familias do rural. Unha medida que se complementará con outras que incentivarán o retorno de mozos emigrados.

 

Noticias web

24/06/2019