Telexornal Mediodía
A Xunta anuncia axudas de estudo, emprendemento e natalidade para retornados
Estratexia para incentivar o retorno de emigrantes. O plan da Xunta inclúe medidas específicas para estudar ou para montar un negocio en Galicia.
Segundo datos da Xunta, diminúe o número de nados en Galicia que marchan ao tempo que vai medrando a colectividade de emigrantes. Atraer a estes últimos e así frear a crise demográfica é o obxectivo da 'Estratexia Retorna', un documento con 50 iniciativas e un presuposto de 15 millóns de euros para medidas novidosas.
Crearase unha oficina de asesoramento ao emigrante retornado, bolsas de 5.000 euros para cursar en Galicia un F.P. Superior, de ata 11.000 euros para estudar na Universidade e apoios de ata 10.000 euros para poñer en marcha un negocio. Tamén haberá axudas de ata 1.500 euros por neno para familias que regresen con menores.
Feijóo explicou que dedicarán outros 220 millóns a estender a emigrantes retornados axudas vixentes, como a Tarxeta Benvida ou incentivos ás empresas que contraten galegos que deciden regresar ao país.