CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia a convocatoria inminente de oposicións para 847 prazas

Publicado o 11/02/2019 18:52

Dentro destas novas convocatorias para cubrir 847 prazas de emprego público, as oposicións máis relevantes son as de auxiliar de clínica, cun total de 305 prazas. Reforzarán, principalmente, os centros de política social, atención a maiores e a dependentes. Será preciso ter a titulación de FP que habilita para exercer esta profesión.

A Xunta tamén convocará 269 prazas para o servizo de prevención e extinción de incendios forestais: 102 serán para condutor, 92 para bombeiro forestal e 75 para emisoristas-vixilantes. Necesitarase o título da ESO ou outro equivalente.

Ademais, convocará 208 prazas de persoal subalterno para traballar en centros educativos ou en servizos sociais. Non se precisará titulación específica. 

Haberá outras 54 prazas para o ámbito de seguridade e saúde no traballo. E outras 11 de persoal de alta cualificación para estatística e letrados da Xunta.

José María Barreiro, director xeral da Función Pública: "O obxectivo é que todas estas persoas estean traballando xa no ano 2020. E nos vindeiros meses xa lles avanzo tamén que se seguirán publicando probas selectivas no DOG con moitas máis prazas noutras escalas diferentes".

Todos estes procesos serán de acceso libre e realizaranse a través do sistema de concurso-oposición. 

Noticias web

11/02/2019