CRTVG

Buscar

A Xunta anuncia oposicións para 591 prazas de emprego público

Publicado o 18/09/2019 16:17

A Xunta de Galicia anunciou a convocatoria de oposicións para cubrir 591 prazas de emprego público, a maioría delas, 437, estarán orientadas ao emprego social e 154 a titulados en Veterinaria, Ciencias do Mar e Bioloxía.

A Xunta asinou no principio do ano o acordo máis importante da historia da autonomía para a función pública que, entre outros compromisos, apostaba pola estabilización de emprego público, cunha taxa de persoal fixo do 93 %, "un obxectivo ambicioso que estamos en condicións de cumprir", asegurou nunha conferencia de prensa o director xeral da Función Pública, José María Barreiro.

O director xeral apuntou que, para a consecución deste obxectivo, o Goberno autonómico lanza este primeiro paquete de convocatorias, que nos próximos días trasladará ás organizacións sindicais "co compromiso de terminar as negociacións antes do mes de outubro". "Entón abriremos os prazos para que todos os interesados se poidan apuntar ás mesmas, coñeceranse os temarios e os tipos de proba; establecerase un prazo de seis meses entre a convocatoria e a realización da primeira proba, un tempo suficiente para preparar os exames, que se farán en 2020", proseguiu.

En concreto, este paquete de emprego social consta de oito convocatorias: 89 prazas de asistente social, 86 de educadores, 63 para titulados en Psicoloxía, 50 de terapeuta ocupacional, 69 para titulados en Enfermería, 40 para titulados en Medicina, 30 de Auxiliar de Laboratorio e 10 para titulados en Fisioterapia.

Estas prazas están orientadas a organismos dependentes da Consellería de Política Social, como centros de maiores, centros de días, centros de atención á discapacidade ou centros de atención á muller.

"Estas prazas son independentes e adicionais ás prazas sanitarias para hospitais ou centros de saúde convocadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas)", precisou o director xeral.

As dúas convocatorias restantes, para servizos veterinarios e servizos ambientais, constarán de 122 prazas para titulados en Veterinaria e 32 para titulados en Bioloxía ou Ciencias do Mar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí