A Xunta amplía ata o 12 de marzo o prazo para instalar os códigos QR na hostalería
• O resto das medidas do Plan de Hostalería Segura están en vigor e o seu incumprimento xa pode ser sancionado
A moratoria informativa do Plan de Hostalería Segura dura outra semana máis. Bares e restaurantes non serán sancionados de momento por non poñer a cartelería coa ocupación e os códigos QR. A Xunta amplia o prazo porque algúns locais tiñan dificultades para conseguilos por problemas técnicos coa plataforma en que se descargan.
"Chamei á Federación de hostalería e a ver se mo dan arranxado hoxe alí", aseguraba o propietario dun local horas antes de que a Xunta adiase a entrada en vigor do réxime sancionador.
A ampliación do prazo ata o venres 12 de marzo supuxo un alivio para moitos hostaleiros. Andrea Gutiérrez, responsable dunha cafeteria de Compostela, asegura que unha semana non é tempo suficiente para descargar os papeis e poder adaptarse ben ás normas da Xunta. E apunta que na hostalería hai moitas persoas maiores que non teñen o acceso ás novas tecnoloxías que ten a xente máis nova coma ela.
Pero a Xunta lembra que a moratoria non afecta o cumprimento do resto das medidas anticovid−19 na hostalería, en vigor desde o 26 de febreiro. As policías intensificarán o seu control e poden sancionar. Ao mesmo tempo, reforzáronse as inspeccións de Sanidade no sector. Os funcionarios aparecen sen previo aviso para comprobar que se cumpren as normas e asesorar. Unha das que xera máis dúbidas é a de poñer todas as mesas e marcar as que non se poden usar.
"Hai outras opcións, o importante é que se cumpra o límite de ocupación e a distancia interpersoal. O uso de elementos externos como poden ser testos ou outros que axuden a manter estas medidas é válido tamén", explica a inspectora de Sanidade.
O uso de produtos hidroalcólicos sen capacidade viricida é un dos erros máis comúns que detectan os inspectores de Sanidade.