CRTVG

Buscar

Xunta e sindicatos únense para buscar unha solución á central térmica das Pontes

Publicado o 09/08/2019 13:17

En ano e medio Naturgy pechará a central térmica de Meirama e a das Pontes leva catro meses parada. A Xunta acusa o Executivo central de deseñar políticas enerxéticas que destrúen emprego e industria. O conselleiro de Economía alertaba hoxe que de seguir así Galicia entraría en déficit de produción enerxética.

"Se non hai unha decisión inmediata por parte do Goberno para corrixir esta situación, no 2020 a produción reducirá ata o 25% da súa capacidade e Galicia pode ter un problema de subministración", apuntou Francisco Conde. 

Xunta e sindicatos únense para tratar de salvar 400 postos de traballo vencellados á planta das Pontes: 200 directos, outros tantos en empresas auxiliares e 150 transportistas que levan o carbón á planta dende o porto de Ferrol. As principais centrais galegas pídenlle a Endesa que asuma a súa responsabilidade social.  

"Despois de 40 anos sacando beneficio das Pontes, por estar uns meses parada non pode poñer a  vila patas para arriba", declaraba aos medios o seu voceiro.

A Endesa van pedirlle tempo antes de que empece a recortar emprego; á ministra de Transición Ecolóxica, que elimine o céntimo verde, e ao comisario europeo de Enerxía, Arias Cañete, que free a especulación no mercado de emisións de CO2. Con todos van pedir reunións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/08/2019