CRTVG

Buscar

A Xunta admite que se vacinou por "erro" 17 profesionais aos que non lles correspondía

Publicado o 21/01/2021 18:49
A Xunta admite que se vacinou por "erro" 17 profesionais aos que non lles correspondía

O xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, admitiu que se vacinou "por erro" 17 profesionais aos que non lles correspondía nesta fase.   

Nun vídeo remitido pola Consellería de Sanidade á prensa, o xerente explica os "problemas" rexistrados na vacinación nos últimos días. Así, sinala que, "nunha ampla listaxe" de 2.533 profesionais na área de Pontevedra de loita en primeira liña contra a covid, incluíuse estes 17 traballadores, que se vacinaron sen cumprir "os criterios establecidos" polo Consello Interterritorial.   

O xerente achaca o sucedido a "un erro na elaboración de listas" de "un número tan importante de traballadores". Ademais, xustifica que este "impacto" só representa o 0,6% da listaxe. José Ramón Gómez destaca que en cinco días vacináronse preto do 60% dos traballadores desta área sanitaria.   

Segundo explica nun comunicado o Sergas, a administración de doses ao persoal de primeira liña completarase cando se reciban as correspondentes vacinas, mentres pide desculpas por un "erro puntual".   

A área sanitaria de Pontevedra convoca para este xoves o Comité de Seguridade e Saúde Laboral co fin de analizar os protocolos internos do proceso de vacinación nas diferentes categorías profesionais.