A Xunta adía unha semana o inicio do curso de secundaria, bacharelato e FP
• As clases comezarán a partir do 23 con medidas como a semipresencialidade e a colocación de pantallas
A Xunta adía unha semana o inicio do curso para os alumnos de secundaria, que non comezarán o vindeiro mércores, 16 de setembro. Farano o 23 deste mes. O mesmo acontecerá con bacharelato e FP, dada a imposibilidade dos centros de cumpriren con ese primeiro prazo.
Despois de que varios institutos galegos reclamaran nas últimas horas o atraso da volta ás aulas e tras reunirse coa Xunta Autonómica de Directores de Secundaria, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou o conseguinte adiamento por "problemas organizativos", co obxectivo de "converter os espazos educativos en lugares seguros ante a covid-19" e poder cumprir o metro e medio de distancia de seguridade.
É esta unha "decisión meditada, compartida e exemplo de cogobernanza", que permitirá que o inicio do curso se desenvolva "cunha maior previsión e mellor organización".
Así o informou Román Rodríguez. O conselleiro de Educación pide "comprensión" ás familias, consciente de que pode "xerar algún problema concreto" en termos de conciliación.
En declaracións aos medios, Rodríguez explicou que a nova medida anunciada a finais de agosto polo Ministerio e que implica garantir un metro e medio de distancia entre os alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP "trastocou o traballo previo".
De aí "esta decisión técnica" de adiar o inicio do curso, coa que quere dar tempo aos centros para organizarse.
Así mesmo, o conselleiro aludiu ao feito de que en primaria "non se modifican as regras do xogo", como "si" en secundaria, bacharelato e FP.
Por outra banda, dixo que serán os inspectores e as autoridades sanitarias os que decidan cantos desdobramentos serán precisos.
Subliña Rodríguez que esta semana de atraso pemitirá "aproveitar" para "afondar" en medidas acordadas esta semana no Consello Escolar de Galicia como a semipresencialidade ou a colocación das pantallas nas aulas.
O Conselleiro indicou que "Galicia non é ningunha excepción" e sinalou "atrasos en moitísimas comunidades autónomas", xunto coa semipresencialidade proposta en Asturias, Madrid ou Aragón.
Algunhas directivas de institutos decidiran pospoñer o inicio pola súa conta, mentres que outras pedían máis marxe de tempo.
Moitos centros educativos xa solicitaran hai días este aprazamento ante a imposiblidade de organizar as quendas a tempo.
O conselleiro de Educación dixo que o arranque do curso en primaria se desenvolveu con normalidade dentro da situación de pandemia en que nos atopamos.