A Xunta activará as axudas do Goberno central para pemes e autónomos a vindeira semana
A Xunta publicará a vindeira semana a orde para a posta en marcha das axudas a persoas autónomas e pemes por valor de 234 millóns de euros, recibidos do Goberno central para paliar os efectos da crise da covid-19. Van dirixidas a "todas as actividades cunha caída de ingresos igual ou superior ao 40 %".
Segundo explicou o presidente da Xunta na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, haberá un mes de prazo para presentar as solicitudes que se pagarán por "orde rigorosa de entrada". Adiantarase o cento por cento da contía e despois pedirase a xustificación.
Alberto Núñez Feijóo reprochoulle ao Goberno o "requisito inxusto" de que as axudas só poidan dirixirse a establecementos con pagos pendentes ou provedores entre o 1 marzo e o 31 de maio de 2020. Tamén criticou a "discriminación" que sofre Galicia coa repartición destes e outros fondos, xa que neste caso recibe un 3,3 % do total cando conta cun 7 % de persoas autónomas.