A Xunta acordará un protocolo co sector do ocio nocturno para retomar a actividade "cando sexa seguro"
Publicado o 20/08/2020 21:01
A Xunta e os empresarios do ocio nocturno consensuarán un protocolo para reactivar a actividade cando poidan volver abrir.
Foi unha das decisións acordadas no encontro que mantiveron esta tarde de maneira telemática o vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, cos representantes do sector.
Este protocolo incluirá as condicións e as fases en que se producirá a reapertura, cando a situación sanitaria o permita. O Goberno galego comprométese a estudar que as terrazas destes locais poidan empezar a funcionar antes de que se abran os espazos interiores, coas mesmas condicións que os bares e os restaurantes.