CRTVG

Buscar

A Xunta abre a porta a ampliar horarios no lecer nocturno a partir de outubro

Publicado o 12/09/2021 14:00

No mes de outubro poderían ampliarse os horarios e a ocupación nos locais de lecer nocturno. Ese é o prazo que manexa o Goberno galego tras os contactos que mantivo co empresariado do sector. Segundo o vicepresidente da Xunta, será un calendario consensuado.

Nunha entrevista na Radio Galega, Alfonso Rueda fala de cautela, pero ao mesmo tempo apunta a outubro como eventual horizonte para que estes establecementos poidan aumentar a súa  actividade agora restrinxida.

Nestes momentos a Administración autonómica e o sector negocian as medidas e os protocolos a fin de ampliar a ocupación e os horarios. Alfonso Rueda revela que o sector era favorable ao uso do certificado de vacinación pero que, ante o rexeitamento da xustiza, hai que buscar alternativas. 

Máis avanzada está a situación da hostalaría diúrna, que este mércores 15 dará un paso importante, en opinión de Rueda, ao entrar en vigor un novo protocolo que establece dous niveis. Os hostaleiros terán máis autonomía para decidir en que chanzo se sitúan en función das medidas sanitarias que cumpran. A máis requisitos cumpridos, máis ocupación permitida. 

Segundo lembra o vicepresidente primeiro, os pasos adiante deberán contar co aval e o criterio do comité clínico. Neste sentido, insiste en que son os científicos os que marcan a pauta en función da evolución da pandemia.

Noticias web

12/09/2021