Suspenden o xuízo contra o home que se fixo pasar por médico no Hospital Álvaro Cunqueiro
Os xulgados de Vigo acollen o xuízo contra un home acusado de facerse pasar por médico no Hospital Álvaro Cunqueiro. O suceso produciuse en marzo de 2017. Supostamente, o home, que tiña 25 anos, entrou no hospital vestido cunha bata branca e un chaleco, e mesmo levaba unha acreditación coa súa foto. Unha vez no centro comportouse coma un médico máis.
Chegou a atender dous pacientes, un de Psiquiatría e outro en Urxencias, que tiña unha ferida nunha man, a pesar de non ter o título de Medicina. Atreveuse incluso a dar instrucións a celadores e vixilantes. Ao día seguinte volveu aparecer no hospital coa mesma vestimenta. Foi unha doutora de Urxencias a que detectou este falso médico e alertou a policía.
O home, ao verse descuberto, fuxiu do lugar e foi detido pouco despois nas inmediacións do centro. A fiscalía pide para el unha multa de máis de 3.200 euros pola comisión dun delito de usurpación de funcións públicas.