CRTVG

Buscar

A xuíza xa ten o ADN do acusado do triplo crime de Valga

Publicado o 17/09/2020 17:48

Había tempo que a xuíza que investiga o triplo asasinato de Caldas pedira unha mostra de ADN de José Luis Abet. Pero o autor confeso dos crimes sempre se negou.
Na prisión de León non conseguiron unha simple mostra de cuspe seu. Así que a maxistrada ordenou traelo ao xulgado Caldas para conseguir esa proba aínda que fose necesario usar a forza.

O avogado de Abet, Manuel Franco, explicou que a proba "realizouse sen ningún tipo de oposición" e que agora realizaranse as análises. Engadiu que esta proba "quixo facerse pola forza en León a través do forense e José Luis negouse, compareceron as forzas de seguridade, pero non se opuxo para nada".

A xuíza quere comparar o ADN de Abet cos restos biolóxicos atopados no lugar dos feitos. Con esta proba, a investigación afronta a súa recta final.

Ademais do ADN, a orixe da arma homicida pode ser clave neste caso. Porque se a mercou a propósito para os asasinatos indicaría que houbo premeditación. Lembramos que en setembro de 2019, Abet disparoulle á súa exmuller cando ela sacaba os nenos da casa para levalos ao colexio. Marchou do lugar, pero volveu logo para matar tamén a cuñada e a sogra. O seu avogado vai defender que iso non foi o que ocorreu. Pero tampouco desvela cal é a versión do acusado.

"Demostrar que os feitos non son como relata o fiscal e as acusacións. E como son logo? Pois é estratexia xudicial para o día do xuízo e non podo avanzalo neste momento.

Os cativos están agora ao coidado do seu avó materno. Pero a familia do pai pide a tutela dos pequenos. Unha cuestión que deberá decidir outro tribunal.

Noticias web

17/09/2020