CRTVG

Buscar

A xuíza ve "motivada" a sentenza do pazo de Meirás e descarta aclaracións, como pediron os Franco

Publicado o 09/09/2020 17:50
A xuíza ve "motivada" a sentenza do pazo de Meirás e descarta aclaracións, como pediron os Franco

A titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, Marta Canales Gantes, considera que, atendidos os artigos 214 e 215 da Lei de Axuizamento Civil, non cabe a aclaración da sentenza sobre o Pazo de Meirás que a pasada semana solicitou a defensa da familia Franco.

A maxistrada indica no auto, notificado este mércores, que a resolución ditada é "clara e motivada", informa o seu contido o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En concreto, os avogados da familia solicitaban que a xuíza detallase a súa decisión de negar aos herdeiros do ditador o dereito á liquidación do estado posesorio, isto é, á indemnización polos gastos de mantemento do pazo en que incorresen.

 A maxistrada entende na sentenza que non cabe a liquidación do estado posesorio, ao ser a propiedade incorporada ao patrimonio da familia Franco "de mala fe". Esa mala fe materialízase "cando, tras aceptar o ditador a doazón do pazo de Meirás, na súa calidade de xefe do Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún".

Lembra ademais a xuíza na sentenza que o Estado asumiu todos os gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como residencia oficial do xefe de Estado, polo que afirma que "o pazo de Meirás se xestionaba de forma idéntica ao Palacio do Pardo".