CRTVG

Buscar

A xornalista Julia Otero anuncia que padece cancro

Publicado o 22/02/2021 19:18
A xornalista Julia Otero anuncia que padece cancro

A directora e presentadora de 'Julia en la onda', Julia Otero, anunciou este luns ao comezo do seu programa que permanecerá algunhas semanas afastada dos micrófonos para someterse a un tratamento oncolóxico

Julia Otero, segundo un comunicado de Onda Cero, explicou que o martes pasado nun control rutineiro, "deses que todos temos que facer, chegou a sorpresa". "Nun  recunchiño apareceron células egoístas, como as chama o doutor López Otín", comentou. 

"A palabra cancro dá medo, pero estou a aprender a pronunciala en primeira persoa desde hai seis días", sinalou a xornalista monfortina que engadiu que "non é fácil, pero aí estamos". "Ás cousas hai que chamalas polo seu nome", dixo. 

Durante o tempo que Otero estea afastada dos micrófonos, Carmen Juan, xunto co equipo habitual de redactores e colaboradores do programa vespertino, permanecerá á fronte de 'Julia en la onda'. 

Nada máis coñecerse a noticia, a rede social Twitter encheuse de mensaxes de ánimo e agarimo coa xornalista, como o enviado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen lle desexa "moita forza" e expresou os seus "mellores desexos para unha pronta recuperación que che permita volver á primeira liña da radio. A túa voz é indispensable no mundo do xornalismo". 

Tamén a vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, enviou todo o seu "apoio nestes momentos tan difíciles" á presentadora de radio, a quen desexou unha "pronta recuperación. O xornalismo e a radio necesitan da túa volta canto antes", escribiu. 

O vicepresidente segundo e líder de Podemos, Pablo Iglesias, tamén utilizou Twitter para transmitir a Otero "moita forza e todo o meu agarimo nestes momentos difíciles" e aconsellarlle "cóidate moito. Esperamos volver escoitarte pronto. Mándoche un grande abrazo". 

Entre as mensaxes de políticos tamén destaca o do presidente do PP, Pablo Casado, quen enviou "moita forza e todo o meu ánimo" e mostrouse "seguro que recuperarás moi pronto para estar de volta na onda. Un forte abrazo". 

A presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, tamén quixo enviar "ánimo e agarimo" a Otero e asegurou vía Twitter que a súa "forza e valentía van ser as mellores aliadas nesta loita contra o cancro, que espero que gañe moi pronto".