CRTVG

Buscar

A xerente dun taller di que hai homes que non queren tratar con ela

Publicado o 05/03/2019 12:58

Vicki Vega é administrativa e monitora de tempo libre, pero desde hai preto de catro anos exerce como xefa e xerente do seu propio taller mecánico no polígono da Grela, na Coruña. Un mundo tradicional e maioritariamente de homes. E non todos se afán a negociar cunha muller.

"Chega pola porta un provedor e pregunta polo xefe. Dígolle que a xefa son eu e contesta que ten que falar dunhas pezas... Insisto que comigo", di Vicki Vega, propietaria e xerente de Talleres Vega.

Os dous mecánicos do taller, un deles o seu home, teñen claro que ela é a que dirixe, e, segundo din, a relación é boa. As dificultades tívoas sobre todo fóra da empresa e lembra que o comezo non foi fácil.

"Os primeiros meses pensei en deixalo, porque había homes que non querían tratar comigo. Agora estou cómoda e gústame, e gústame cando se decatan de que entendo. Din: controla, sabe...", engade.

Malia que é xefa da súa propia empresa, ten problemas de conciliación. É nai, pertence á ANPA e á asociación de mulleres executivas, actividades ás que ten que dedicar tempo.

"Tes que organizarte como un encrucillado cada día. Un pouco nai, un pouco muller, un pouco executiva...", explica Vega.

Non entende que o salario poida ser menor para unha muller que fai o mesmo traballo ca un home e reivindica a igualdade total entre as persoas.

Noticias web

05/03/2019