CRTVG

Buscar

A xerencia do CHUS nega a morte de dous pacientes nos corredores de urxencias

Publicado o 11/01/2019 21:58

Unha médica do Complexo Hospitalario de Santiago denunciou ante a Fiscalía o falecemento de dous pacientes nos corredores de urxencias do hospital o pasado dous de xaneiro. Anunciouno durante a súa comparecencia nas xornadas sobre Sanidade organizada polos grupos parlamentarios da oposición.

Desde o Sergas negan con rotundidade que os falecementos se desencadearan nos corredores de urxencias e falan dunha alarma innecesaria. Xa hai aberta unha investigación interna para determinar que aconteceu nos dous casos. Din que non tiñan coñecemento de denuncias previas.

O conselleiro de Sanidade comparece no Parlamento

Na Cámara galega compareceu o conselleiro de Sanidade ante a Comisión de Investigación parlamentaria. O primeiro que fixo Vázquez Almuíña foi lamentar que os grupos da oposición rexeiten participar en dita comisión.

Logo explicou que a Xunta ten unha prioridade agora mesmo: cambiar o modelo da atención primaria. Por iso están traballando 6 grupos de mellora para escoitar todos os profesionais e tomar medidas que a melloren.

Vázquez Almuíña sinalou que xa lle pediron ao ministerio que aumente en Galicia o número de prazas de formación dos MIR. Ademais, estudarán medidas para que os médicos de familia poidan dedicarlles máis tempo aos pacientes.




 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019