A xeotermia, alternativa de calefacción ante a suba da luz e dos combustibles
Vai para trece anos que Asunción optou por instalar un sistema de xeotermia na súa casa para aforrar na calefacción. "Facendo un cálculo, venche saíndo nuns 40 euros ao mes, tendo acendida as 24 horas do día a uns 20 graos", di Asunción.
Alfredo Fernández, xerente da empresa de xeotermia INGEO, explica que "o aforro é case do 75 ou 80 por cento con respecto á electricidade, con respecto ao gasóleo un 50 ou 60 por cento, e con respecto ao gas, arredor dun 40 ou 45 por cento".
Aforro que levou a un hotel que acaba de abrir as súas portas no centro de Ourense a elixir este tipo de enerxía renovable que aproveita a calor do subsolo.
"Nós a través da xeotermia quentamos a auga do spa, que é un aforro moi importante, tamén a auga das duchas e billas, e a climatización. Para controlar a temperatura dos cuartos, das zonas comúns", conta Manuel Pérez, director do hotel spa IMI.
O subsolo de Ourense permite obter grandes cantidades de calor sen necesidade de afondar moito, o que reduce os custos de instalación e converte a xeotermia nunha alternativa cada vez máis demandada.
"Si que é verdade que dende que se está disparando o prezo do quilowatt hai máis demanda de información e estamos pechando moitos contratos nestes dous, tres últimos meses", conta Alfredo Fernández.
A calefacción supón case a metade do consumo enerxético dun fogar, polo que moitos buscan alternativas para aforrar ante a inminente chegado do frío.