CRTVG

Buscar

A xente nova terá que esperar ata 2022 para vacinarse contra a covid-19

Publicado o 14/10/2020 18:55
A xente nova terá que esperar ata 2022 para vacinarse contra a covid-19

A xente nova terá que esperar ata o ano 2022 para recibir unha vacina contra a covid-19, xa que a produción inicial deberá destinarse en prioridade aos grupos de máis alto risco, dixo este mércores a científica en xefe da Organización Mundial da Saúde (OMS), Soumya Swaminathan.

"A xente pensa que o 1 de xaneiro haberá unha vacina e que as cousas volverán á normalidade, pero as cousas non serán así. Ninguén xamais produciu vacinas nos volumes que se necesitarán, así que en 2021 esperamos ter vacinas, pero nunha cantidade limitada", aclarou.

Hai un consenso claro para que os primeiros vacinados sexan os traballadores sanitarios que están en primeira liña da loita contra a pandemia e que logo se pase aos anciáns e persoas máis vulnerables. "Unha persoa nova e saudable terá que esperar ata 2022 para ser vacinada", sostivo a científica.

Unha decena de posibles vacinas atópanse actualmente na fase 3 de ensaios clínicos; é dicir, que se están inoculando en grupos de aproximadamente 30.000 persoas en lugares onde o coronavirus segue circulando de forma intensa. Esta fase dos ensaios clínicos serve para verificar a eficacia da vacina e descartar efectos secundarios graves.

En total, corenta ensaios de vacina atópanse nalgunha das tres fases de ensaios clínicos e 200 está en probas de laboratorio, o que é un claro indicador do interese que ten o sector farmacéutico e biotecnolóxico en dar coa boa fórmula.

"Ata que non teñamos os resultados da fase 3 non saberemos cales e cantas desas vacinas serán seguras, efectivas e protexerán por un período longo", comentou Swaminathan.

A representante da OMS anticipou que eses resultados poderían estar listos a inicios do próximo ano, despois do cal se terá que cumprir coas normativas para a aprobación dunha ou máis vacinas.

A OMS solicitou a todos os que teñen ensaios avanzados ter acceso aos seus resultados para poder acelerar a emisión de directivas e regulacións que poderían aplicarse en todo o mundo.

"Nada debe comprometer os resultados que se obteñan porque se trata de vacinas que serán utilizadas en miles de millóns de persoas, así que necesitamos estar totalmente seguros de que é a decisión correcta", dixo Swaminathan.