CRTVG

Buscar

A web A clínica das casas, asesora de balde para adaptar as vivendas a un longo confinamento

Publicado o 13/04/2020 20:43

As casas convertéronse, tras un mes de confinamento, no único reduto de convivencia, refuxio e socialización para miles de persoas. Nunca imaxinamos que habería que adaptalas a un encerro obrigado que se vai ir, como mínimo, ás sete semanas.

A web A clínica das casas nace cun claro obxectivo: "Resolver os problemas que está habendo nas casas como consecuencia deste prolongado confinamento", dixo Plácido Lizancos, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

As vivendas están preparadas para confinarnos nelas, malia que as actividades que realizamos no interior non son as máis propias.

"Hoxe nas vivendas traballamos, facemos ocio, convivimos, coidamos persoas enfermas, abastecémonos de alimentos para un longo período de tempo e usámolas para interaccionar da maneira que podemos co resto da humanidade", comentou Lizancos.

Desta pandemia sairá unha nova concepción no deseño das cidades, como pasou noutros momentos ao longo da historia de España.

"O ensanche da cidade de Barcelona, deseñado por Cerdá a mediados do século XIX, é consecuencia da necesidade de liberar a poboación da cidade medieval das continuas enfermidades á que estaba sometida", asegurou Plácido Lizancos.

A asesoría que ofrece A clínica das casas é profesional e totalmente desinteresada.

Noticias web

13/04/2020