CRTVG

Buscar

A votación definitiva da investidura do presidente do Goberno será o xoves 25 a última hora da tarde

Publicado o 16/07/2019 16:18

A presidenta do Congreso perfilaba hoxe cos voceiros dos grupos a axenda do debate de investidura, que arrancará, tal e como ela mesma anunciara, o próximo luns 22, ás doce en punto do mediodía. O candidato socialista ten tempo ilimitado par expoñer o seu programa e pedir o apoio da cámara. A sesión retomarase ás catro da tarde coa intervención dos voceiros dos grupos parlamentarios, de maior a menor. Cada un ten unha quenda inicial de 30 minutos, e dúas réplicas de 15 e 3, en caso de que Sánchez lles responda un a un. Tras Pablo Casado, Albert Rivera e Pablo Iglesias, estrearase na tribuna Santiago Abascal, que marcará probablemente o límite entre as dúas sesións.

O martes intervirán Rufián, Esteban e os portavoces do Grupo Mixto, e pechará a voceira socialista, Adriana Lastra. Despois terá lugar a primeira votación, un proceso tamén lento porque se fai por chamamento para que cada deputado se poña en pé e proclame o seu voto.

A hora á que se anuncie o resultado marcará a axenda do xoves 25, xa que teñen que pasar 48 horas para repetir a votación. Ese día Pedro Sánchez terá 10 minutos para pedir o apoio, e os voceiros disporán de cinco. Todo apunta que a última hora da tarde comezará esa segunda votación, en que o candidato precisa maioría simple, máis votos a favor que en contra, para ser investido.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019