CRTVG

Buscar

A vixilancia contra incendios extrema as precaucións en agosto malia que chova

Publicado o 09/08/2019 15:22

Malia que a choiva destes días é unha boa aliada para previr os incendios forestais, agosto é un dos meses de risco máis alto, polo que se extrema a vixilancia. O Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios recibe imaxes en tempo real do que sucede nos montes. 

Son cámaras con seguimento automático que teñen un alcance de 15 quilómetros. Actívanse co movemento e cos cambios de temperatura. Están preparadas para gravar as 24 horas e posúen un potente zoom para non perder ningún detalle.

"Son cámaras con moita versatilidade de maneira que nos permite identificar, localizar, extraer información sobre lumes que están producíndose." afirma Tomás Fernández-Couto. Director xeral de Defensa do Monte

A súa localización é secreta, en lugares estratéxicos cun amplo campo visual.

"O 80 % da actividade é provocada de maneira que tampouco é de interese xeral  coñecer onde están os medios de control do territorio" añade o Director Xeral

Malia que a finalidade é a vixilancia, estas cámaras xogan un importante papel na prevención de incendios e na toma de decisións para coordinar os medios humanos e técnicos. Nos últimos anos tamén os drons se incorporaron ao dispositivo.

Tomás Fernández-Couto quere resaltar que " É importante que todos coñezamos que cando volar un dron pode estar controlando incumplimentos de limpeza nas zonas onde é obrigado por lei ou pode estar colaborando nunha investigación da actividade incendiaria con forzas e corpos de seguridade do Estado ou con brigadas de investigación de incendios forestais propias"

Máis da metade da superficie de Galicia xa pode ser vixiada dende este centro de control.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/08/2019