CRTVG

Buscar

A 'viúva negra' volve ao lugar do crime

Publicado o 13/06/2019 16:00

A última vez que Concepción Martín Velasco estivo neste lugar do barrio de La Albufereta, Alacante, foi cando supostamente matou o seu cuarto marido 15 días despois da voda. Onte regresou para colaborar reconstruíndo o que pasou aquela noite.

O sitio, segundo fontes policiais, estaba en condicións lumínicas e ambientais case idénticas ás do 20 de agosto do ano pasado, día do homicidio. Xunto con Concepción, de 45 anos, estivo o seu presunto cómplice e amante, Francisco. Ambos os dous están acusados de matar o marido de Concepción, José Luis, de 69 anos, cravándolle un desaparafusador repetidamente no colo e no peito.

A policía puido deter os acusados grazas á axuda dunha axente da Policía Nacional que estaba no momento dos feitos fóra de servizo, practicando deporte preto do lugar do crime e que conseguiu reter os dous acusados ata a chegada de reforzos.

Na reconstrución, a detida pareceu deixar atrás unha suposta tetraplexía que, segundo ela, a tiña paralizada de cabeza para abaixo e a obrigaba a empregar cadeira de rodas, unha diversidade funcional desmentida polos investigadores.

A policía apunta a que o móbil do crime puido ser un matrimonio de conveniencia entre vítima e acusada co obxectivo de encubrir esa falsa doenza.

Noticias web

13/06/2019