A vítima da agresión machista de Vimianzo segue estable na UCI xa sen sedación
Javier Miñones, baixo custodia no hospital, aínda non pasou a disposición xudicial
Aínda que continúa na UCI e o prognóstico é grave, a muller está estable e os médicos xa descartaron que teña lesións medulares. O seu estado é o que máis preocupa nesta vila, en Vimianzo, que con todo, está pendente tamén do seu presunto agresor, tamén veciño de aquí.
Javier Miñones está detido, pero aínda non pasou a disposición xudicial. A policía custódiao no Complexo Hospitalario da Coruña, onde está ingresado despois de que intentara suicidarse. Non lle tomarán declaración ata que os médicos o dean de alta, nos próximos días. A Garda Civil continúa practicando as dilixencias deste caso de violencia machista, que instrúe o xulgado de Corcubión.
As forzas de seguridade destacan e agradecen a colaboración cidadá, que foi determinante neste caso. Non só para deter a Javier Miñones, senón tamén para salvar a vida da muller agredida, que recibiu cinco coiteladas no pescozo. Foron os veciños os primeiros en intervir e prestarlle auxilio, e os que avisaron a Garda Civil e os sanitarios, que actuaron de inmediato. Agora centran os seus esforzos na familia de Montse.
Pendentes das noticias que chegan sobre a evolución de Montse, os veciños de Vimianzo están agora entregados coa súa familia, especialmente cos seus dous fillos. A muller é moi coñecida na vila. A súa agresión espertou a solidariedade de todo o pobo, e tamén a conciencia de moitos sobre o problema da violencia machista.
A muller agredida e Javier Miñones son veciños, viven practicamente un en fronte do outro, o que reforza a hipótese de que el coñecía as súas rutinas e os seus horarios, e que elixiu un momento en que a vítimas estaba soa. A rápida reacción dos veciños foi clave para salvarlle a vida.
Tamén a intervención da cidadanía foi determinante para deter o agresor. Foi un veciño o que alertou de que estaba metido dentro da furgoneta en que fuxira, nunha praia de Muxía.