CRTVG

Buscar

A ministra de Industria en funcións pídelle "lealdade" á Xunta tras a venda de Alcoa

Publicado o 05/08/2019 20:00

A ministra de Industria en funcións aproveita a venda de Alcoa para pedirlle ao PP que se absteña na investidura de Pedro Sánchez. Di que o estatuto das electrointensivas, que garantiría o futuro da factoría a longo prazo, non se pode aprobar se non hai Goberno, e pídelle "lealdade" á Xunta para conseguilo.

Cinco días despois de asinarse a venda de Alcoa, Reyes Maroto reuniuse na Coruña cun grupo de traballadores da factoría. 

Reyes Maroto, ministra de Industria en funcións, "saben que o estatuto é algo que poderemos aprobar só cando haxa Goberno, agora mesmo estamos en funcións e, polo tanto, se se bloquea a constitución do Goberno estase bloqueando o estatuto das electrointensivas. Así que pido lealdade institucional, que traballemos xuntos todas as institucións".

Desde a Xunta aseguran que é o Goberno en funcións o que rompe a lealdade institucional ao reunirse cos traballadores de Alcoa á marxe do Goberno galego, a pesar de que as dúas administracións traballaron xuntas para buscar unha solución ao conflito. O conselleiro de Industria cre que a ministra está utilizando a venda de Alcoa como arma política.

Francisco Conde, conselleiro de Industria, "lamentamos profundamente que se estea utilizando a Galicia, que se estea utilizando aos traballadores de Alcoa e que se rompa esta colaboracións institucional que viñamos mantendo. A ministra sabe que a Xunta actuou en todo momento con lealdade".

Reyes Marroto estivo tamén en Santiago. Na súa visita a Galicia só se reuniu con dirixentes do Partido Socialista.

 

 

Noticias web

05/08/2019