A Virxe atopada no Sar, trasladada ao Museo das Peregrinacións
A Virxe de pedra que atopou un pescador mentres andaba ás troitas no Sar xa deixou o río e repousa no Museo das Peregrinacións de Santiago. Todo a apunta a que se trata dunha peza de estilo gótico galego que podería datar do século XIV, pero falta aínda un estudo a fondo da figura que determine o seu valor patrimonial. Do que non hai dúbida é da súa relación con Compostela, por algúns dos atributos que a acompañan.
Di o xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta que ten como unha especie de botafumeiro pequeniño e son uns anxos que están falándolle á Virxe en certa maneira.
Tamén o lugar no que apareceu fai pensar a moitos nunha posible relación co mosteiro de Conxo.
"Todo apunta a isto, incluso hai versións que din que podería ser a virxe da Cunha, pero todo é aínda moi prematuro queda aínda unha investigación nos arquivos de Conxo e que os especialistas poidan analizala en profundidade", apunta Roberto Pena.
E, así, que a peza poida lucir no museo con todo o seu esplendor o antes posible.