CRTVG

Buscar

A violencia machista deixa tres mulleres asasinadas en Galicia en 2019

Publicado o 02/01/2020 12:58

Tres galegas foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas durante 2019. Son as que recolle a estatística oficial da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. A mesma cifra que en 2018.

A María José Aboy, de 43 anos, matouna a tiros o seu marido Javier Bello, de 46, que logo se suicidou. Foi o 10 de marzo no concello pontevedrés de Valga.Tiñan dous fillos en común maiores de idade que quixeron enterralos xuntos.

Mari Carmen Vázquez, de 47 anos, denunciara por malos tratos a súa ex-parella, Manuel Vázquez, de 50 anos, e lograra unha orde de afastamento. O 21 de xullo el matouna a coiteladas na casa en que vivía ela en Vilalba e logo aforcouse no garaxe.

O terceiro crime machista do 2019 en Galicia tamén foi no concello pontevedrés de Valga, o 16 de setembro. A Sandra Boquete Jamardo, de 39 anos, matouna a tiros o seu ex-marido, José Luis Abet, de 41 anos. Estaban divorciados e non constaban denuncias previas por malos tratos. Foi diante dos fillos de ambos, de catro e sete anos de idade, e na casa familiar. O asasino de Sandra matou tamén a irmá dela, Alba, e a nai, Elena. Pero estas dúas mortes non entran dentro da estatística oficial de vítimas da violencia de xénero, que contabiliza 61 asasinadas en Galicia desde 2003.

Noticias web

02/01/2020