CRTVG

Buscar

A vila natal de Xela Arias, Sarria, homenaxea a figura da poeta

Publicado o 17/05/2021 14:12

Xela Arias nacera en 1962 en Sarria, onde pasou os primeiros anos da súa infancia. Por este motivo, o Concello de Sarria homenaxeou a poeta cun gran mural na mesma rúa que agora leva o seu nome. No mesmo barrio aínda hai veciños que lembran aquela nena que se convertería na autora cuxa obra celebra este ano o mundo das letras.

"A nena era unha superdotada xa de pequena. De acordo á idade que tiña, era moi superior a forma que tiña de concibir as cousas con respecto á súa idade, porque era moi noviña. Iso é o que recordo máis ou menos dela, porque pasaron moitos anos".

"O nome de Xeliña aparece escrito por vez primeira tamén aquí en Sarria, nun artigo que o seu pai publica no libro do programa das festas de San Xoán do ano 68 baixo o título de 'Xeliña fala galego'. Xeliña empezou os seus estudos primarios na escola do seu pai", di Xaime Félix López Arias, membro do Seminario de Estudos Sarriaos.

O pai de Xela era Valentín Arias, que fora discípulo de Avelino Pousa Antelo e director da escola da Granxa Barreiros. Moi preto da rúa que agora leva o seu nome aínda hai unha casa da súa familia, onde a veciñanza ten a vontade de colocar unha placa en lembranza da poeta.

"A xente do barrio que leva moito máis tempo, que son maiores, si que recordan a Xeliña e os pais, a Valentín e a súa dona, viren por aquí a pasar os veráns. Nós pensamos que Xela soñou con ser poeta aquí, o que é un orgullo para a veciñanza", relata Xosé Lois Gutiérrez, tesoureiro da asociación cultural A Doce Alianza de Sarria.

A Casa da Cultura de Sarria centrou os actos da homenaxe a Xela Arias cun recital poético, coa proxección dun documental ou coa presentación dun disco con versións musicadas dos seus poemas. E á beira mesmo, a escola infantil municipal leva agora o seu nome.

 

Noticias web

17/05/2021