CRTVG

Buscar

A vila de Betanzos celebra os 800 anos do traslado á súa actual localización

Publicado o 13/02/2019 21:11

Os actos conmemorativos comezaron este mediodía no concello e na praza da Constitución. Interpretaron a danza dos xastres, unha das catro danzas gremiais que conservan dende a Idade Media, cando fora capital e provincia do Antigo Reino. Aos festexos asistiron as principais autoridades civís. Un cuarteto de corda tocou tamén pezas do prestixioso compositor José Arriola, natural desta cidade de Betanzos.

"Nun principio, a vila de Betanzos xurdiu aquí, arredor da igrexa de San Martiño de Tiobre. Pero hai 800 anos os seus habitantes solicitáronlle ao rei reasentarse noutro lugar... Saiban todos, que eu Afonso, rei de León e Galicia pola graza de Deus, traslado a vila de Betanzos ao Castro de Unctia, a petición dos mesmos habitantes da vila...".

Os historiadores consideran que esa petición foi incentivada pola coroa, que buscaba enclaves máis seguros para favorecer o comercio marítimo. 

"A nova localización era un castro, o castro de Untia, polo tanto era un lugar defendido xa, con murallas, e iso para unha poboación medieval era importante".

"Está claro que á xente lle interesou trasladarse ao castro de Untia, pero tamén está claro que era unha política do rei, porque esta política se estaba facendo en toda a costa cantábrica e no resto da costa galega tamén".

Os dous ríos que arrodean o novo enclave favorecían a trasfega portuaria e a iso sumábase ao rico potencial agrícola e pesqueiro, cobizado por todos os poderes da época.

"Como o propio castro era herdade do mosteiro de Sobrado, en compensación dou e asigno a perpetuidade a cuarta parte de todos os rendementos ou proveitos da mesma vila, coa metade de todas as capelas que na mesma vila sexan construídas...".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019