CRTVG

Buscar

A viguesa María Araújo, nomeada mellor xogadora do Europeo sub-20

Publicado o 17/07/2017 14:57

En baloncesto temos un diamante en bruto. Apunten o seu nome: María Araújo. A viguesa acaba de ser elixida mellor xogadora do Eurobasket feminino celebrado en Portugal.

Formada na canteira do Celta, xogadora do Uni Ferrol; María foi a gran estrela do Europeo. A piques de cumprir os 20 anos, promediou máis de 13 puntos e 8 rebotes por partido e liderou unha selección española que se proclamou campioa de Europa sub-20.

Araújo foi a mellor pero non a única galega que se coroou campioa de Europa sub-20 en Matosinhos. Tamén a ourensá Paula Ginzo participou deste éxito. España derrotou na final a Eslovenia por dez puntos de diferenza: 73-63, logrando así o seu sétimo título europeo da categoría, terceiro consecutivo e sexto nos últimos sete anos. 

A Araújo e ás súas compañeiras non lles pesou a presión de seren favoritas. A viguesa tirou do equipo sobre todo nos dous primeiros cuartos, cando Eslovenia máis apertaba. Tras chegar ao descanso cun axustado 37-36 España logrou abrir oco no terceiro cuarto cun parcial de 17-11. Dúas triplas seguidas de Maite Cazorla e Che, unidas a unha gran defensa, puxeron as de Jose Ignacio Hernández con once puntos de vantaxe. Diferenza que ampliou Araújo con outra tripla a falta de cinco minutos para o final. As eslovenas tentaron recortar distancias con presión en toda a cancha pero as españolas souberon manter a calma para levar o triunfo e o título. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017